Blog
O grupo SING, presente na IV Xornada de Investigación Biomédica da Área Sanitaria de Ourense

A IV Xornada de Investigación Biomédica da Área Sanitaria de Ourense xorde novamente coma un foro no que se compartan os resultados obtidos e os proxectos futuros nos que participen tanto persoal investigador clínico da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, coma do Campus de Ourense.

Entre os día 25 e 26 de outubro, o evento contou con diversas actividades: presentación de resultados e de proxectos de investigación, conferencias e mesas de debate nas que se expoñan aspectos relevantes para promover a investigación na nosa área e sesións de pósteres. Os principais obxectivos son visibilizar a investigación sanitaria na Área Sanitaria, promover a investigación clínica liderada por profesionais sanitarios ourensáns e facilitar un espazo de traballo interdisciplinar para fomentar novas colaboracións.

O grupo SING quixo estar presente unha vez máis para mostrar os resultados dos proxectos levados a cabo en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O noso investigador, o Dr. Daniel González Peña, participou na sesión centrada en colaboracións Universidade-Hospital e amosou algúns dos proxectos feitos en colaboración coma InNoCBR, PolyDeep ou PolyDeepAdvance.

Anteriormente, o noso investigador, o Dr. Martín Pérez-Pérez, falou sobre CLINIA, un procesador automático de historias clínicas cuxo obxectivo principal é procesar datos clínicos textuais e levar a cabo tarefas que, ben pola súa complexidade ou ben debido ao gran volume de datos involucrados, resultan extremadamente tediosas ou directamente inviables para as persoas.




Saturday 26th, 2024

 
Unha tese dirixida polo grupo SING, premiada na Pont-Up Store en Pontevedra

O pasado venres 20 de outubro, o doutor Rubén Domínguez Carbajales recibiu un dos premios de innovación e emprendemento á mellor tese de doutoramento entregados pola Universidade de Vigo no evento Pont-Up Store en Pontevedra. Con estes premios, a UVigo busca recoñecer traballos académicos que propoñan o desenvolvemento de novos produtos e servizos cun potencial nicho de mercado ou orientados a xerar un proxecto que poida contribuír á creación dunha iniciativa empresarial. Esta convocatoria é froito dun convenio asinado coa Xunta de Galicia "para fomentar o emprendemento universitario", financiada con 20.000 euros procedentes da UE-Next Generation.

A vicerreitora do campus e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais outorgaron o premio, dotado con 1600 euros, pola tese titulada Deseño dun sistema CAD en colonoscopia baseado en aprendizaxe automática, desenvolvida no contexto do proxecto PolyDeep e dirixida polos doutores Miguel Reboiro Jato e Hugo López Fernández.



October 7th, 2024

 
O grupo SING acolle a primeira reunión da sede AI4PolypNet

O pasado martes 16 de abril, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu a primeira xuntanza de traballo da rede estatal AI4PolypNet, creada para mellorar os sistemas de detección e de diagnose de cancro colorrectal empregando intelixencia artificial. Nela, oito grupos de investigación de Catalunya, Estremadura, País Vasco e Galicia unímonos para optimizar experiencia, recursos técnicos, humanos e de datos e avanzar cara o desenvolvemento de propostas integradoras capaces de responder aos retos desta enfermidade.



A rede temática enfocada no desenvolvemento e validación de sistemas de soporte ao diagnóstico de cancro colorrectal usando intelixencia artificial (AI4PolypNet) está financiada pola Agencia Estatal de Investigación (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades) na convocatoria 2022 de Redes de Investigación. Está formada por oito grupos de investigación, catro deles de perfil clínico e catro de perfil técnico, así como entidades de diferente natureza (tres universidades, un centro de investigación e 4 hospitais/servizos de saúde) que acumulan unha dilata experiencia no eido temático da rede. Concretamente, ademais do noso grupo, forman parte da rede o Grupo de Oncoloxía Dixestiva de Ourense (Giodo, Servizo Galego de Saúde); o Centro de Visión por Computador (CVC) da Universidade Autónoma de Barcelona (grupo coordinador, liderado polo Dr. Jorge Bernal); o Grupo de Investigación en Oncoloxía Gastrointestinal e Pancreática do Hospital Clinic de Barcelona; a Fundación Centro de Cirurxía de Mínima Invasión Jesús Usón (Cáceres); o Servizo de Aparato Dixestivo do Hospital Universitario de Cáceres; o eVIDA Research Group da Universidade de Deusto e Osakidetza.



April 30th, 2024

 
Tres artigos do grupo SING, seleccionados na convocatoria IACOBUS para publicacións científicas

O pasado 22 de febreiro de 2024 anunciouse a lista definitiva de candidaturas seleccionadas na convocatoria IACOBUS para publicacións científicas, na que foron seleccionadas tres publicacións do grupo SING. Esta convocatoria ten como obxectivo principal fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica a través de axudas económicas á publicación de artigos científicos en revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR).

Os tres artigos do grupo SING que foron seleccionados e que recibirán unha dotación económica son os seguintes:

As solicitudes foron realizadas polo Dr. Florentino Fdez-Riverola, o Dr. Martín Pérez-Pérez e o Dr. Hugo López-Fernández, en colaboración con investigadores das Universidade do Porto, Universidade Nova de Lisboa e Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

February 26th, 2024

 
Nace o proxecto ClinIA

ClinIA é un proxecto piloto e unha iniciativa pioneira que ten como obxectivo explorar e, no seu caso, promover, as vastas oportunidades que os modernos LLMs (modelo de linguaxe de gran tamaño ou Large Language Models) ofrecen ao sector sanitario e, máis concretamente, á análise automatizada do historial clínico electrónico.



ClinIA é un sistema pensado para extraer información estruturada mediante os prompts axeitados. Neste sentido, e ao contrario do xa coñecido ChatGPT, ClinIA non se define como un chatbot médico con propósito de conversar sobre cuestións médicas, nin tampouco ser un buscador co cal poder aumentar o coñecemento en base a unha base de datos de casos clínicos. Pola contra, trátase dun procesador automático de historias clínicas: Documento (Historia clínica) + prompt = Tarefa. O seu obxectivo principal é procesar datos clínicos textuais e levar a cabo tarefas que, ben pola súa complexidade ou ben debido ao gran volume de datos involucrados, resultan extremadamente tediosas ou directamente inviables para as persoas.

Os investigadores tras esta iniciativa son os doutores Martín Pérez-Pérez e Daniel González-Pela, entrevistados no Faro de Vigo o domingo 18 de febreiro sobre este asunto. Este proxecto nace nun contexto propicio para iso, pois Galicia é unha das comunicades máis avanzadas e que máis apostou polo uso da historia clínica electrónica. Así o resume Martín na súa conta de X:

ClinIA está a ser activamente desenvolvido polo grupo SING e, no seu estado actual de prototipo, ClinIA manexa 365 casos clínicos do libro de casos clínicos proporcionados pola SEMI (Sociedade Española de Medicina Interna) no seu XXXVIII congreso internacional. Neste sentido, búscase ampliar este conxunto para incluír máis casos clínicos, de diversas especialidades, e en colaboración con institucións ou grupos do ámbito sanitario que poidan estar interesados.



Tal e como Martín reflexionaba nas súas redes sociais sobre a aplicabilidade deste tipo de sistemas: "Nuestra opinión es que los sistemas basados en IA pueden asistir/ayudar en el procesamiento masivo de datos clínicos electrónicos. Los LLM pueden jugar un papel crucial apoyando a los profesionales de la salud, permitiéndoles enfocarse en lo más importante: el cuidado de sus pacientes. La IA no busca reemplazar, sino potenciar y complementar las habilidades de nuestros médicos. Mejorar la eficiencia, precisión y accesibilidad en el tratamiento y análisis de datos clínicos, haciendo que la atención médica sea más ágil y centrada en el paciente."

February 20th, 2024

 
StartPrev 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Next End

Page 1 of 19

2025 Sistemas Informáticos de Nueva Generación